O Centro Interdisciplinario de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle agora o novo espazo que acelerará a implementación de tecnoloxías baseadas en fontes de enerxía limpa e renovable para o almacenamento e transformación da enerxía. Tamén impulsará a evolución das baterías utilizadas en vehículos eléctricos mediante a investigación de materiais como o grafito, un compoñente esencial dos ánodos nas baterías destes medios de transporte sostibles.
As instalacións foron inauguradas onte polo reitor da UDC, Ricardo Cao; o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego; o director de operacións xerais de Resonac Graphite Spain, Pablo Rifón; o director do CICA, Jaime Rodríguez; e os directores da Cátedra, Israel Temprano e Alba Tuñas, como director e codirectora, respectivamente.



